Sunday 05 de May de 2024

O Concello instala unha liña de boias na praia de Lago para delimitar a zona de baño


O principal obxectivo da colocación destes elementos é que as embarcacións non fondeen tan preto da costa.
O Concello de Miño instalou esta mañá unha liña de boias na praia de Lago para delimitar a zona de baño. O principal obxectivo da colocación destes elementos é que as embarcacións non fondeen tan preto da costa. Era unha intervención moi demandada polos usuarios deste areal.
Desde a administración local lembran, á súa vez, que ‘nas zonas de baño debidamente balizadas está prohibida a navegación deportiva e de recreo, e a utilización de calquera tipo de embarcación ou medio
flotante movido a vela ou motor. O lanzamento ou varada de embarcacións deberá facerse a través de canles debidamente sinalizadas’, apuntan.
Ademais, nos tramos de costa que non estean sinalizados, entenderase que a zona de baño ocupa a zona contigua á costa dunha anchura de 200 metros. Dentro destas zonas non balizadas non se deberá navegar a unha velocidade superior a 3 nós. As motos náuticas só poderán navegar por esta zona para acceder perpendicularmente á praia, extremando precaucións e a velocidade inferior a 3 nós.